sábado, 14 de novembro de 2026

SÁBADO 14 de NOVEMBRO do 2026

Outro sábado máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao noso correspondente OSCAR REY, que dende a Costa da Morte, sempre nos ofrece unha selección de novidades daquela contorna, algo reducidas, posto que se poden ampliar na páxina que sempre nos indica quepasanacosta.gal. Agradecémoslle a súa aportación e aproveita para lembrar aos seguidores e escoitantes que este programa volverá a emitirse en Radio Roncudo mañá, domingo, a partir das 10 da mañá. Nosoutros tamén informamos que en Radio Fene se poderá escoitar o luns.

 

A continuación poñemonos en contacto co noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico, XOAN ARCO DA VELLA,  que nos ten preparada unha suxerencia interesante: achegarnos á localidade de Crecente, moi concretamente un lugar entre a parroquia de Rebordechán e a parroquia de Angudes, alí está o regueiro que as divide, Chedeiro, afluente do Miño. Precisamente alí mesmo se atopa a Ruta Etnográfica "Camiño dos Muiños", moi recomendable. Coméntanos que para o asunto gastronómico acostuma a parar no restaurante que leva por nome A Quinza, na entrada de Ribadavia, teñen bo produto e prezo axeitado.

Conectamos novamente con Galicia para falar con FELIPE REA OTERO, Profesor de Música e de Gaita. Axúdanos a coñecer ao grande Director e Compositor musical Francisco Landín Pazos. Grande descoñecido poero cunha grande producción musical moi importante. Ao parecer el é testaferro de toda a documentación relacionada coa súa biografía. Indícanos que calquera que o desexe pode poñerse en contacto con el para solicitar algunha das partituras musicais deste compositor. Tamén nos comenta que está a traballar naquel proxecto de "Música Familiar" que presentará perto do Nadal, para felicitar as festas, e que aproveitaremos para voltar a conversar con el. Agradecémoslle a súa participación e despedímolo coa súa música.

Falamos con JAVIER Pitillas, responsable de DisCamino. Un placer e unha honra poder contar coa súa participación. Fainos unha descrición moi detallada do que é "DisCamino", da súa formación, do que acostuman a ofrecer aos discapacitados, da actual situación, de cómo se poden poñer en contacto con eles. Dos compoñentes, dos colaboradores, dos medios dos que dispoñen actualmente... etcétera. Agradecémoslle a súa amable e detallada información e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

Novamente achegámonos a Galicia, concretamente aos Ancares Lugueses, concretamente á localidade de Becerreá, dende onde nos informa a nosa correspondente Fernanda Follana Neira. Nesta ocasión con informacións moi recentes: Dende hai uns días xa se pode disfrutar gastronómicamente do Mesón Campo da Braña, que acaban de reinauguralo. Outra noticia máis, O Sr. Alcalde de Cervantes, Benigno Gómez, renuncia en favor de Miguel González, actualmente primeiro Tenente de Alcalde. Fai mención dun veciño de Becerreá, médico que foi no Concello de Pontedeume, e que acaban de nomealo "Fillo Predilecto" desa vila, onde exerceu esa profisión. Agradecémoslle a súa aportación.

Despedimos o programa, por mor de asistir a un evento en Barcelona. Desexamos que teñan unha feliza semana. Deixamos, a continuación, a crónica do noso correspondente XULIO SIMÓN RUA, dende Combarro. Desexamos que teñan unha feliz semana!

Crónica cultural e informativa do noso correspondente XULIO SIMÓN RÚA, que é unha aposta cultural interesante, como cada semana. Agrdecémoslle a súa aportación.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro



domingo, 8 de novembro de 2026

SÁBADO 7 de NOVEMBRO do 2026

Comezamos unha nova emisión do "Semprengalicia" de cada sábado, como sempre, coa nosa Sintonía, as salutacións e un bocadiño de música, para recibir ao noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR MANUEL REY CALO. A súa crónica, moi aprezada polos nosos escoitantes e seguidores, é un pequeno resumo que escolle das moitas noticias que se poden ampliar na páxina quepasanacosta.gal. Recórdanos que este programa volve a emitirse os domingos a partir das 10 da mañá en Radio Roncudo. Tamén o poderán escoitar o luns en Radio Fene. Temos que agradecerlles a colaboración que nos prestan.

A segunda intervención é con CARMEN BLANCO SANJURJO, Escritora, Actriz e Avogada galega. Ven a presentar o seu libro "El Fuego en la Piedra", que é a continuación dun primeiro "Gorrións e Falcóns". Será o vindeiro xoves día 12 de novembro a partir das 19h, na cripta do século XV, que foi un antigo baño xudeu, un lugar emblemático @caelumbcn, perto da Catedral Gótica. Están convidados tódolos asistentes a un viño especiado e un bizcoito, receta medieval que tarda sete días en facerse, a ao final poderán degustar unha queimada. Cóntanos de qué vai o libro e agradecémoslle a súa información detallada. Desexamos que teña moito éxito.

Conectamos novamente con Galicia para recibir ao noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico XOAN ARCO DA VELLA, que nos recomenda achegarnos a zona de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra. Visitar a localidade de Torbeo, onde se pode contemplar a igrexa románica de Sant María, e alí perto, contemplar a paisaxe extraordinaria dende o Meandro de Cubela. Aproveita para mencionar e contar o que lle dixeron de Filomena Arias Armesto, a Meiga, Curandeira, Bruxa ou Sabia de Torbeo. Moitas Grazas Xoan.

A continación poñémonos en contacto con DANI, da A.C.G.Rosalía de Castro. Infórmanos do Magosto-2026, que se celebra na Sé da Entidade. Tamén no comenta que se están impartindo clases. As "Rosalieiras" teñen como profesor a Manuel do Grupo Ailá. Próximamente, concretamente o día 21 de novembro, celebrarase o fallo do "40 Certame de Poesía Rosalía de Castro". Teremos a presentación de dous poemarios.:"Lázara", de Rexina Vega e "No Círculo", de Pura Salceda. Será un día poético en tódolos sentidos. Agradecémoslle a súa participación de hoxe e desexamos un Feliz Magosto.

Xa non temos máis participacións en directo, polo tanto despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana!

Escoitamos a entrevista que lle fixemos a LUÍS VELOSO, responsable da Casa Rural "A Rousía", en Baltar (Ourense) que participan nos "Outonos Gastronómicos de Turismo de Galicia" ofrecendo dous menús de calidadee quilómetro cero (el comenta que son de quilómetro menos cero, porque van a buscar os alimentos camiñando e coa bolsa na man). Estancia e xantar nunha casa do ano 1830, restaurada e acondicionada para disfrutar da estancia, atención e bo xantar. Tamén teñen un spa, para relaxación. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que teñan moito éxito.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.

sábado, 31 de outubro de 2026

SÁBADO 31 de OUTUBRO do 2026

Un sábado máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para darlle paso ao noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que sempre ten preparada unha crónica, algo resumida, dos aconteceres naqauela contorna. Os interesados poden ampliar esas informacións e novidades na páxina quepasanacosta.gal, e lémbranos que mañá, domingo, a partir das dez da mañá voltará a emitirse este programa en Radio Roncudo. Nosoutros engadimos que o luns tamén se poderá escoitar en Radio Fene, como cada semana. Agradecémoslle a súa colaboración e despedímonos ata o vindeiro sábado á mesma hora.

Recibimos nos estudios a SUSANA GUARDIA LORENZO, cantautora, que ven acompañada de DAVID LO BUENO. Agradecémoslle a súa visita. Concertamos que despois das intervencións que tiñamos comprometidas escoitarémola en directo e falaremos da súa traxectoria.

Falamos con ALFONSO MIGUEL MARTÍN, Presidente de ASOBECAT (Asociación de Bercianos en Cataluña), que nos dá a coñecer a celebración do seu MAGOSTO-2026. Será unha cea no "Asador del Bierzo", na rúa Mallorca, 18-20 de Barcelona, o día 14 de novembro, a partir das 20:30h. O menú está composto de entrantes moi variados, un segundo prato a elexir entre entrecot de Galica, cordeiro ao forno, Samón con salsa de améndoas ou colas de rape á mariñeira. Todo elo bañado con viño mencía e godello da D.O. Bierzo. Os postres irán acompañados das castañas de Hornija.  Os asistentes tamén poderán ser agasallados nun sorteo de productos do Bierzo. Agradecémoslle a súa participación e desexamos que teñan moito éxito.

Poñémonos en contacto novamente con Galicia, para entrevistar a dona CARMEN BLANCO SANJURJO, escritora, actriz e avogada galega, que virá a Barcelona, concretamente á sala Caelum, no centro do Barrio Gótico, para presentar o libro: "El Fuego en la Piedra", segundo libro da série "Gorrión e Falcóns". Será o día 12 de novembro a partir das 19h. Esta presentación estará amenizada por Xurxo Romaní, que interpretará, entre outras pezas, a banda sonora do libro. Os asistentes á presentación poderán degustar un petisco medieval acompañado de viño especiado. Desexámoslle que teña moito éxito.

Conversamos con SUSANA GUARDIA LORENZO, que nos visita nos estudios, xunto con DAVID LO BUENO. Fainos un pequeno percorrido da súa traxectoria musical e disfrutamos dunha pequena actuación en directo. Infórmanos de cando comezou a cantar, quen foi o seu primeiro profesor e músico, cantos discos ten publicado, dos diferentes sitos onde ten actuado, e do último traballo que publicou: Ya no puedes engañarme. Un pracer e unha honra poder disfrutar da súa aportación.

Conectamos coa nosa correspondente nos Ancares Lugueses, concretamente dende Becerreá, FERNADA FOLLANA NEIRA, que nos ten preparada unha crónica interesante sobre aquelasa terras luguesas. Desexámoslle un feliz magosto.

Continuamos con SUSANA GUARDIA LORENZO e DAVID LO BUENO, que nos deleitan con outra das súas intervencións en directo. Agradecémoslles a súa participación no noso programa de hoxe e desexámoslles que teñan moitos éxitos.

Escoitamos a crónica do noso correspondente nas Rías Baixas, concretamente dende Combarro, XULIO SIMÓN RUA, que sempre ten preparada unha colaboración cultural-informativa e chea de engado.

 

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.


sábado, 24 de outubro de 2026

SÁBADO 24 de OUTUBRO do 2026

Un sábado máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY. Sempre ten preparada unha crónica reducida da maioría das novas informativas daquela contorna. A súa aportación é unha bocanada de aire fresco para os nosos escoitantes e seguidores, que nos agradecen esta conexión semanal para saber un chisquiño máis dos aconteceres daquel entorno galego tan fermoso. Agradecémoslle a súa colaboración e despedímolo con outro anaquiño de música.

Poñémonos en contacto con FELIPE REA OTERO, que nos fixo chegar unha nova moi interesante: Participa el, xunto co seu fillo e a súa dona (música familiar, como el mesmo a define) no "III Concurso de Composición Música Tradicional para nuevas músicas" da Fundación Lola Pérez Rivera, en Aranda de Duero. Coméntanos que é unha composición feita con gaita. Indicamos aos nosos escoitantes e seguidores que poden meterse na páxina da Fundación para votar pola composición de Felipe. Conversamos algo sobre a súa traxectoria musical, que se remonta a moitos anos atrás. Propoñémoslle que poidamos continuar esta pequena conversa noutro momento para coñecer, máis polo miúdo, as súas composicións musicais e concertos. Prometémoslle voltar a conectar con el para completar esa información e agradecémoslle a súa amable atención e comunicación. Desexámoslle moitos éxitos.

Recibimos ao noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico XOAN ARCO DA VELLA. Hoxe cóntanos a descuberta dunha documentacion moi interesante, relacionada coa participación moi especial do crego Don Rogelio, na parroquia do Santuario do "Cristo de Xende",  Concello de A Lama. Seica neste lugar traballaron, en complot co servizo de intelixencia do Reino Unido, para poder axudar aos refuxiados e escapados da segunda guerra mundial. O lugar, ademais é espectacular, alomenos o cruceiro que alí se atopa. Fermosa aportación a de hoxe, Xoan. Moitas grazas pola túa colaboración.
 
 
Continuamos a emisión informando da "Homenaxe a Suso Vaamonde" que hoxe están a celebrar no Centro Galego de Barcelona. 

.

Tamén comentamos a "XIII Festa do Pulpo" do Centro Galego NÓS, que se celebra no Eix Maciá de Sabadell os días 6, 7 e 8 de novembro. Informounos o seu Presidente, Manuel Vazquez Osorio, que o Magosto-2026 celebraránno a fin de semana seguinte, o día 14 de novembro. Que teñan moito éxito.

E finalizamos o programa dando a coñecer algunhas novas chegadas á Redacción, adubiadas con algunhas peciñas musicais. E aproveitamos para despedirnos ata o vindeiro sábado á mesma hora.

 

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro

sábado, 17 de outubro de 2026

SÁBADO 17 de OTUBRO do 2026

Acabamos de recibir un "Alert" da Generalitat e polo tanto teremos un programa alterado, xa que debemos abandonar os estudios antes das oito. De tódolos xeitos tentaremos facer esta emisión o máis digna posible, apra que poidan disfrutar da nosa música, das informacións e novidades que poidamos ofrecerlles. Comezaremos, coma sempre coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao primeiro convidado de hoxe. Temos que disculpar ao noso compañeiro Armando Fernández, que sigue convaleciente. Desexamos que pronto se recupere. Non podemos conectar co noso crrespondente na Costa da Morte, Oscar Rey, porque está participando nun evento importante fora de Galicia. Seguro que nos informará a vindeira semana. En pago desta ausencia conectamos co noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico XOAN ARCO DA VELLA, que nos propón a visita a un lugar interesante: San Ourente de Entís. Tamén nos relata unha lenda relacionada con ese santo, así como a romaría que se celebra cada ano naquel fermoso recuncho ubicado na Serra de Outes. Agradecémoslle a súa aportación de hoxe e, despedímolo con música.


Coa música de fondo deste compositor e mestre de Gaita, XAQUIN XESTEIRA LOSADA, mantemos unha peqeuna conversa-entrevista moi engaiolantes. Parabenizámolo porque o Concello de Cambados, de onde é natural Xaquín, vai a entregarlle o Premio Ramón Cabanillas o vindeiro día 7 de novembro, data da conmemoración do pasamento do poeta cambadés. Este mestre gaiteiro, percusionista, docente e divulgador da música tradicional galega, é un referente para moitos músicos. A conversa con Xaquín é unha mostra máis da súa bonhomía. Agradecémoslle a súa participación no programa de hoxe e desexamos que siga colleitando moitos éxitos.


Conversamos con ELIGIO SUEVOS, Presidente do Centro Galego de Lleida. Tamén o felicitamos porque hoxe finaliza un obradoiro de cociña galega, que comezou no principio desta semana. Ao parecer os asistentes están moi satisfeitos e felicitan ao Chef que impartiu as clases de cociña. Tamén nos adianta e nos informa da "Festa do Marisco" que teñen previsto celebrar o vindeiro xoves día 22 ata o domingo 25 de novembro, que se realizará na explanada do Campo de Futbol de Lleida. Tódolos asistentes á inauguración recibirán, como agasallo, unha ración de mexilóns galegos. Agradecémoslle a información detallada e desexámoslles moitos éxitos.


Despois dunha peza musical ofrecémoslles a crónica do noso correspondente dende Combarro, XULIO SIMÓN RÚA. Sempre escolle, o noso correspondente, noticias de grande importancia e interese. Agradecémoslle a súa colaboración e despedímonos ate o vindeiro sábado á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana!

 

Antes de finalizar o programa escollemos unhas peciñas musicais como complemento do programa, xa que non podemos continuar nos estudios por mor da "Alerta" que recibimos ao comezo da emisión.

Deixamos aquí o programa Enteiro-Completo.



sábado, 10 de outubro de 2026

SÁBADO 10 de OUTUBRO do 2026

Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións oportunas e ofrecéndolles a escoita dunha peza musical para recibir a primeira comunicación, a crónica do noso correspondente na Costa da Morte, OSCAR REY, que nos fai un resumo dos aconteceres naquela contorna. Os interesados poden ampliar estas noticias na páxina de quepasanacosta.gal. Tamén aproveitamos para felicitar a Oscar a a Fina Paulos, porque xa forman parte do Consello da Cultura Galega, como membros da equipa de investigación e Docencia. ¡Noraboa! Lémbralle aos nosos escoitantes e seguidores que, este programa, volverá a escoitarse nas ondas de Radio Roncudo, mañá, domingo a partir das dez da mañá. Agradecésmolle a súa aportación e desexamos que teña unha boa semana.

Despois de escoitar outro bocadiño de música, poñémonos en contacto co noso correspondente viaxeiro e reporteiro gráfico XOAN ARCO DA VELLA. Nesta ocasión coméntanos algo sobre tres lugares moi especiais que se atopan no Camiño de Santiago Portugués: O Alto de Labruja, O Chan das Pipas e a Canicouva. Lugares que paga a pena visitar polo de importancia que tiveron nun momento histórico importante, como foi a invasión das tropas de Napoleón.

 

A seguinte comunicación é a crónica da nosa correspondente nos Ancares Lugueses,  FERNANDA FOLLANA NEIRA, que hoxe se atopa en San Román de Cervantes para poder disfrutar do Documental que leva por título: "Prisciliano e a Gallaecia". Foi realizado por Aser Álvarez, de Arraianos Produccións. Desexamos que disfrute desa proxección.

Seguimos escoitando música e poñémonos en contacto con TANIA MOSQUERA CASTRO, investigadora da Universidade de Santiago de Compostela. Felicitámola porque, xunto con outros tres investigadores, Mikel, Hugo e Roque, levarán a cabo o proxecto MEPRA: Memoria, Patrimonio Rural e Arqueoloxía das covas e abrigos das serras orientais. Este proxecto é beneficiario dunha axuda da IV edición do Programa de Forcados do Centro Universitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) para fomentar a investigación posdoutoral e colaborativa. Contan coa colaboración dos concellos de Baleira, Baralla e Becerreá, así como tamén coa colaboración da "Asociación Castaño e Nogal" en Quintá de Cancelada. Agradecémoslle a información detallada e desexamos que teñan moitos éxitos. 


Damos información de sendas actividades e actuacións que teñen lugar en Hospitalet e Barcelona, promovidas concretamente pola "Casa Galega de Hospitalet" e polo "Centro Galego de Barcelona".

Finalizamos o programa anunciando a crónica do noso correspondente XULIO SIMÓN RÚA, que sempre finaliza cunha proposta musical interesante. Desexamos que teñan unha feliz semana.

Deixamos aquí o programa Completo - Enteiro.

sábado, 3 de outubro de 2026

SÁBADO 3 de OUTUBRO do 2026

Comezamos unha nova andaina. A tempada 2026 - 2027, deste programa "Semprengalicia" coa mesma intención de sempre:  ofrecervos as noticias que nos achegan dende Galicia os nosos correspondentes e aquelas que recollemos nosoutros na Redacción, xunto coa música que intercalamos para ir adubiando este noso programa. Non contamos coa presencia do noso compañeiro ARMANDO FERNÁNDEZ, que aínda se atopa convaleciente. Desexamos que pronto se recupere. Encetamos o programa de hoxe coa Estrea Oficial da sintonía "XIAO", que xa demos a coñecer no programa de conmemoración do 40 aniversario deste programa, realizado na Sé da nosa Entidade "A.C.G.Rosalía de Castro". Así comezaremos tódolos sábados a partir dagora. Despois das salutacións oportunas e un bocadiño de música, conectamos co noso correspondente na Costa da Morte OSCAR REY, a quen felicitamos primeiramente polos éxitos que está a acadar na súa tarefa profisional, xunto con Fina Paulos. ¡Nhoraboa! e recibimos a súa crónica que resume moi sucintamente para darnos a coñecer algunhas novidades moi interesantes, e que se poden ampliar na páxina quepasanacosta.gal, como ben nos indica en cadansúa intervención. Tamén nos lembra que mañá, domingo volve a re-emitirse este noso programa en Radio RONCUDO a partir das 10 da mañá. Nosoutros engadimos que tamén se poderá escoitar en Radio FENE o vindeiro luns. Agradecémoslle a súa aportación e desexamos que teña unha feliz semana.

Escoitamos unha peza musical e poñémonos en contacto con XOSÉ LIZ de CEA, precisamente o autor desa peza. Este vigués é Profesor multi-instrumentista, compositor, mestre da corda pulsada, compositor, intérprete, arreglista e docente de grande prestixio nacional e internacional no circuito do Folk e da Celtic Music. Mantemos con el unha conversa distendida e axúdanos a coñecer, un bocadiño, a súa traxectoria creativa. Prometémonos voltar a conectar con el para que nos fale da próxima publicación na que está a traballar e que pronto estará no prelo. Despedímolo con outra das súas pezas agradecéndolle a súa amable atención e desexamos que colleite moitos éxitos.

A continuación falamos co noso amigo e colaborador HENRIQUE FEDEZ-MON SÁNCHEZ, que sempre está atento á nosa chamada. A conversa con el sempre é ben recibida. Coméntanos cousas da súa vivencia, de cómo pasou o verán, de aconteceres e sucesos nos que participou, así como dos que ten noticia e coñece, polo miúdo, como a fundación e celebración da "Festa do San Froilán" en Nou Barris, que puxo en marcha Domingo Díaz. Tamén fai unha referencia interesante sobre algún dos personaxes tradicionais que aínda se conservan no San Froilán de Lugo, fundados polo ilustre Trapero... Sempre é de agradecer a súa aportación.
 

Recibimos á nosa correspondente nos Ancares Lugueses, concretamente dende Becerreá, FERNANDA FOLLANA NEIRA, que ten preparada unha crónica relacionada con asuntos relacionados con aquela zona rural tan estimada. Coméntanos algunhas curiosidades do verán, o Mural da Ponte do Cruzul, a moi interesante e curiosa anécdota coñecendo a persoas de Sant Boi de Llobregat, facendo o camiño do Norte e moi concretamente o Camiño Lebaniego, en Cantabria. Agradecémoslle a súa colaboración e despedímola con música.

Mantemos unha conversa con ELIGIO SUEVOS, Presidente do Centro Galego de Lleida, que nos fala da Festa do Breogán, celebrada a fin de semana pasada. Infórmanos da celebración dun Curso de Cociña, que impartirá unha cociñeira de Galicia os días 15, 16 e 17 deste mes de outubro. A Festa do Marisco na afin de semana do 22 ao 25 deste mesmo mes. Xa no mes de novembro o Magosto con castañas e panellets regados con moscatel, viño do ribeiro e quizais con chupitos de licor café. Tamén comenta que xa se  enviaron os comunicados aos socios e colaboradores para que aporten as súas colaboracións á revista "Xurdimento". E unha importantísima comunicación: Están a traballar para celebrar o 50 aniversario do Centro Galego de LLeida, que será o vindeiro 2027. Pretenden facer unha Festa con moita participación e agardan que poidan achegarse a maior parte dos Centros Galegos de Cataluña. Agradecémoslle a súa comunicación e desexamos que sigan colleitando moitos éxitos.

Recibimos a ANTONIO, o Presidente da "Irmandade Galega O Noso LAR de Terrassa". Están celebrando o 44 aniversario da súa fundación, cunha "Festa do Pulpo en Tarrasa". Festa gastronómica os días 9, 10, 11 e 12 de outubro.Comezarán o día 9 cunha Reunión dos Centros Culturais de Terrassa e inauguración da Festa na Praza Ricard Camí. O Sábado día 10 apertura da carpa ao mediodía coa actuación do Grupo de Gaitas de Saudade e Xantar de Socios. O Domingo día 11 novamente actuación das Gaitas e Xantar Oficial coa asistencia de autoridades e outros Centros Culturais. E o luns, tamén festivo, continuará a celebración co Campionato de Tute. Desexamos que acaden moitos éxitos.

Cando comezamos o programa recibimos unha alerta climatolóxica moi importante, polo tanto despedimos o programa desexando que nos volvan a sintonizar o próximo sábado á mesma hora. ¡Que teñan unha feliz semana!

Deixamos aquí o programa completo.

SÁBADO 14 de NOVEMBRO do 2026

Outro sábado máis con todos vosoutros. Comezamos coa nosa sintonía, as salutacións e un bocadiño de música para recibir ao noso corresponden...